DURA DERROTA ANTE EL LOGROÑO
Pontevedra, 10 de diciembre de 2022. No pudo ser, derrota dura y por la mínima ante el Logroño en el último encuentro del año po 32-33. O inicio estivo marcado polo intercambio de golpes entre as dúas escadras. O Cisne intentaba profundizar no seu xogo para buscar lanzamentos en penetración ou circulación, mentres que o Logroño non precisaba achegarse para encontrar a rede e probaba fortuna desde a distancia. Despois de varias perdas de balón, algunhas absurdas, os visitantes atoparon un 3-6 sen ter que facer un grande esforzo. O Cisne precisaba correr, pero o que o facía eran os visitantes.
Despois dunha dobre exclusión de Pombo, Cavalcanti accedeu á cancha e mudou o rostro do cadro local. Afianzado na liña de seis metros e coa achega decisiva do luso en ataque, o Cisne equilibrou o marcador (9-9 no minuto 17 grazas a un latigazo de Chan).
E cando parecía que os lerezanos se metían de cheo no partido, comezaron a saír del. Unha serie de malos lanzamentos, malas entregas e falta de ideas para superar a exhuberancia física da defensa visitante acabaron por rachar o duelo cun 0-4 de parcial no que o Logroño ofreceu unha variedade de recursos ofensivos imposibles de frear polos pontevedreses.
O 9-13 deulle marxe ao equipo de fóra, que xa para aquela deixara entrever certas escenas de xogo brusco no límite da contundencia que acabaron provocándolle ata nove exclusións ao longo do duelo. Ao descanso o Cisne sobrevivía en base ao acerto de Bruno Vázquez e Cavalcanti.
O segundo tempo mantivo a tónica dos últimos dez minutos do primeiro tempo: un constante ir e vir no marcador, que padecía o efecto acordeón de dous conxuntos cunha clara diferenza de tonelaxe. O Logroño alternaba penetracións, con lanzamentos desde nove metros con algunha asistencia á segunda liña para minar a moral e a resistencia defensiva cisneísta. Pero os guerreiros brancos non se desconectaron e no medio dun festival de accións disciplinarias, o Cisne reduciu ata os dous goles a desvantaxe na súa primeira contra da sesión, con Mateo Arias batendo unha portería baleira pola exclusión visitante.
Pero outra vez fuxía o Logroño. Serradilla encadeou tres dianas e estirou a catro tantos a renda visitante. Outra vez a remar. Imposible a reacción do Cisne? Non. Reaccionou con coraxe e orgullo, co pulo da bancada, co pique provocado polos roces e choque de trens cos xogadores vermellos. O duelo enfangouse cunha arbitraxe asumindo riscos e sendo vítima deles. Polo camiño, a parella de colexiados levouse por diante a Furtado, Keita e Serradilla, todos expulsados por diversos motivos. A Furtado pasoulle factura o exceso de celo e contundencia defensiva.
O caso é que o enfrontamento subiu a temperatura máis que a calefacción e apertouse no marcador, froito da tenacidade local, do bo aproveitamento das superioridades e da súa mellora defensiva… e tamén das baixas de concentración dun Logroño vítima das súas disputas, protestas e erros disciplinarios. O Cisne dispuxo de varias ocasións entón para igualar: con 25-26, primeiro e co 32-33, nun final maxestuoso de Álex Chan, imparable na trincheira inimiga.
A falta de 25 segundos, Rivero errou o último lanzamento visitante. O Cisne cargou a última bala no tempo morto de Márquez para preparar a execución do empate. Pero o empate non foi. Cavalcanti realizou o disparo definitivo e Jorge Pérez detívoo para darlle a última vitoria do ano ao Logroño e baixar de golpe a temperatura do Municipal.
Fuente: Diario de Pontevedra